TEMA 3. A ensinanza-aprendizaxe e certificación de linguas estranxeiras polas institucións internacionais


Bo día a todos/as! Hoxe gustaríame enfocar o tema da miña entrada cara ao Plurilingüismo, cuestión sobre a que estivemos a falar na última clase. Para comezar debemos aclarar que significa este concepto. O Plurilingüismo ou Multilingüismo está relacionado co feito de que unha persoa ou comunidade sexa capaz de comunicarse en varias linguas. Ao que sempre me preguntei: e quen non quere ser plurilingüe?

Como estudante, e futura docente, de linguas penso que é unha riqueza a diversidade de idiomas e linguas existentes en todo o mundo. Por iso, considero que se lle debe dar importancia e valor a este feito xa que pode ser unha boa forma de evitar a desaparición de moitas linguas que están a piques da extinción. Se conseguimos que na sociedade se valorice a coexistencia de máis dunha lingua, contribuiremos á normalización desta situación que, na miña opinión, enriquece a unha cultura.




Supoño que vos estaredes preguntando se estou a falar do caso do galego e, en parte, si que estou a escribir pensando na situación que nos compete. Mais non só o galego é un idioma que se atopa nunha situación de diglosia, e tamén existen moitos outros que atravesaron tamén polo temido proceso de minorización, coma no noso caso a respecto do español. Quizá conveña recordar que a situación de diglosia é o resultado de que convivan dúas linguas e na que un dos dous idiomas resulta preferente ou dominante ante o outro. E no caso dunha lingua minorizada, falamos dun idioma que mesmo atravesou por momentos de prohibición en canto ao seu uso.






Malia a nosa lingua atoparse todavía nunha situación de inferioridade a respecto do español, segue viva e temos a posibilidade de estudala nas escolas. Grazas ao esforzo de diversos colectivos e áreas como, por exemplo, a de Normalización Lingüística, e a implicación das persoas comprometidas coa lingua, todavía podemos comunicarnos con ela e temos que seguir defendéndoa para evitar a súa desaparición. Outras linguas non correron tanta sorte e están moi cerca da completa extincion como é o caso da lingua hupa, a karuk, a wintu ou a washoe (California), a lingua tuva (Rusia), ou a lingua seri (México), entre outras.

https://www.nationalgeographic.com.es/mundo-ng/grandes-reportajes/lenguas-peligro-extincion_6174/36

Contar coa existencia de dúas linguas cooficiais, coma no noso caso, é unha vantaxe lingüística moi importante. Temos a oportunidade de decidir en que idioma nos atopamos máis cómodos e co que temos preferencia de nos comunicar. Para as persoas que nos gustan as linguas, a alternancia dos dous idiomas, é unha forma ideal de poñer en práctica a nosa competencia plurilingüe grazas ao cambio dunha lingua a outra. É un aspecto que favorece a nosa axilidade á hora de cambiar a outro idioma e a nosa fluidez a respecto da habilidade comunicativa noutra lingua. Alén disto, as persoas que vivimos nun contexto onde existe máis dunha lingua, temos máis facilidade de aprendizaxe a respecto doutros idiomas.

Ademais do aspecto positivo que acabamos de mencionar, co idioma galego temos a posibilidade de comunicarnos con outras comunidades estranxeiras como a portuguesa e mesmo a brasileira. Aínda que o noso idioma non conte con tanto prestixio como o que se lle asocia ao español no noso territorio, a opción de comunicarnos coas persoas que utilizan a lingua portuguesa abre as nosas fronteiras máis internacionais. E cal é a principal función de posuír os coñecementos necesarios en distintos idiomas? Facilitar as relacións entre as persoas, por iso calquera lingua debería ser valorada.





Por último, mencionar o European Language Portfolio (ELP), Portfolio Europeo das Linguas (PEL), un documento, levado a cabo polo departamento de política lingüística de Europa, que resulta interesante xa que funciona como un pasaporte de linguas no que se indican as nosas competencias lingüísticas e o noso nivel respecto a distintos idiomas que aquí podemos reflectir. De novo, atopámonos co MERCL xa que este Portfolio é unha ferramenta que nos sirve para aplicar o marco, e que nos sirve de axuda para avaliar o nivel de plurilingüismo que poseímos.


E, cambiando un pouco a liña pero respecto a este mesmo tema, remato esta entrada engadindo un traballo de aula que realizamos por grupos. Cada grupo tivemos que centrarnos en distintas Asociacións Certificadoras e, no noso caso, traballamos coa Asociación de Examinadores de Linguas de Europa (ALTE). Espero que vos resultase interesante!


Comentarios

  1. Bos días, Gema! Gustoume moito o enfoque que lle deches a túa entrada! Concordo totalmente coa túa opinión, xa que cantas máis linguas falemos, a máis culturas poderemos acceder. É certo que hoxe en día non se valora o suficiente o feito de que coexistan dúas ou máis linguas nunha comunidade, sobre todo referíndonos ao noso caso que é o que nos afecta máis de preto. Aínda que, de momento, temos a posibilidade de estudala na escola, unha canle de televisión autonómica na que podemos gozar de contidos en galego, libros e revistas, etc., deberíamos ser máis conscientes do que temos e valorala máis, como un ben propio da nosa comunidade que nos enche de riqueza cultural. Por outra banda, paréceme alarmante a situación que se presenta no vídeo que compartiches. O feito de que morra unha lingua cada dúas semanas semella que a situación das linguas minoritarias vai a peor. E, aínda me parece máis preocupante que ao final do século poidan acabar desaparecendo a metade das linguas! Pode que esteamos fronte a un proceso de cambio na concepción das linguas, xa que, na miña opinión, hoxe en día faise moito fincapé no carácter instrumental destas. Como se o que importase fose só utilizala en determinados contextos con fins comerciais ou outros obxectivos que non teñen nada que ver con culturizarse nin co gusto por comunicarse con falantes doutros países.

    En conclusión, pareceume moi interesante o que aportas con esta entrada, xa que moitas veces necesitamos que nos recorden as cousas para ser conscientes do que temos e valoralo máis.

    Noraboa pola túa entrada e un saúdo!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Aprendizaxe Baseada en Proxectos (Inspirado na presentación de Noemí Soto Estévez)

Comentarios noutros blogs

TEMA 1. O ensino de linguas no presente modelo educativo, estatal e autonómico.