Ensinanza de Linguas Estranxeiras en Polonia (Inspirado na Presentación de Uxía Piñeiro Ogando)
Benvidos/as a esta nova entrada no meu blog sobre a Ensinanza de Linguas Estranxeiras en Polonia. Despois de acceder á presentación da nosa compañeira Uxía decidín que a miña entrada estivese relacionada con este tema. Quizá unha das razóns é que Polonia foi o lugar onde realicei o meu Erasmus, no meu segundo ano de carreira, e me deixou fascinada.
O sistema educativo polaco, como podemos comprobar no traballo de Uxía, é moi similar ao do noso país. Desde o ano 1999, que realizaron cambios no seu modelo educativo, contan cunha ensinanza de Educación Primaria, que conta cunha duración de seis anos, e tamén coa Educación Secundaria que se divide en dous ciclos. Ademais, o acceso á educación ten carácter gratuito e obrigatorio desde os seis ata os 18 anos. O que quizá marca máis a diferenza é o sistema que teñen de reválidas. Este tipo de probas examina aos alumnos/as para determinar o coñecemento adquirido nas distintas etapas e, dependendo destas, realízanse con distinta finalidade. Na Primaria son simplemente de carácter informativo, no primeiro ciclo de Secundaria realizan outra proba destas características que lles permiten acceder a escolas superiores e, ao finalizar esta etapa, realizan unha proba de acceso á Universidade chamada matura, o que para nós se correspondería coa proba de selectividade.
No tocante ás horas lectivas do sistema educativo, existe unha gran diferenza entre as cifras do noso país e as de Polonia. En España, que supera tamén a outros países da OCDE, na etapa da Educación Primaria impártense 799 horas, mentres que en Polonia a este ciclo dedícanlle menos de 600. Na Educación Secundaria, en España o alumnado acude aos centros unha media de 799 horas ao ano, no caso de Polonia falamos de menos de 500 horas. Como podemos observar, a diferenza de horas presenciais nas escolas entre os dous países é moi significante.
O que me resulta máis interesante, e moi beneficioso para o alumnado polaco, é a importancia que se lle outorga á ensinzanza de idiomas. Comprobamos que así é grazas á posibilidade que ofrecen as universidades para estudar linguas estranxeiras de forma gratuita. Que as escolas e universidades inclúan no seu plan de estudos a ensinanza dun ou dous idiomas supón unha vantaxe para o alumnado interesado no estudo de linguas. Outras diferenzas que atopamos co noso país son os idiomas que máis se fomentan na aprendizaxe de linguas, tras o inglés que é o máis destacado en ambos países, en Polonia é moi salientábel a ensinanza do alemán e do ruso, mentres que en España o francés é a lingua estranxeira que predomina no plan de estudos. Alén disto, o español é un idioma que suscita cada vez máis interese noutros países e, por exemplo, en Polonia xa se sitúa por diante do francés no seu estudo como lingua estranxeira.
Considero que o sistema de educación polaco, no tocante á ensinanza de linguas estranxeiras, está a enfocar de forma moi positiva a ensinanza de idiomas. A miña experiencia no programa Erasmus, neste caso refírome á etapa universitaria, foi moi enriquecedora. Resultoume un tanto complicado o inicio, xa que, o período de adaptación, nun país cunha lingua que non coñeces, é máis duro, mais neste caso tiven a sorte de que os/as meus/miñas compañeiros/as tiñan perfecto dominio do inglés e puiden comunicarme nesta lingua con eles/as sen ningún tipo de dificultade. Ademais, malia non estar nun país de fala inglesa, ante esta necesidade de comunicarme en inglés, permitiume aprender e mellorar o meu nivel. No que respecta ás aulas, tiven unha moi boa impresión do nivel de inglés do profesorado, ademais do método de ensinanza e a forma de impartir as distintas materias.
Comentarios
Publicar un comentario