TEMA 5: Deseño Curricular (Diario)

Ola a todos/as! Hoxe falareivos, nesta entrada diario, sobre as sesión do 25 de novembro e 09 de decembro, da materia de Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional. Esta parte é a que corresponde ao Tema 5 que trata sobre o Deseño Curricular, e que imparte o profesor Gonzalo Constenla. A respecto dos contidos teóricos desta parte da materia, estivemos traballando con información sobre a ESO, o Bacharelato, a FP, a EOI, os seus respectivos currículos e a súa relación na LOMCE (Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa). Por iso, a raíz da repercusión desta Lei na Educación, gustaríame centrar a atención neste ámbito. A continuación, farei unha breve achega persoal sobre a LOMCE e a LOE (Lei Orgánica de Educación), esta modificada pola LOMCE.



Respecto a LOE, paréceme unha Lei que si valora as necesidades de cada persoa para lograr que a educación se caraterice pola calidade. Non só isto, senón que se está a buscar a igualdade de condicións para que todos/as teñan as mesmas posibilidades de ter acceso á educación. Tamén me parece moi importante o valor que lle dan á flexibilidade que permite que o alumnado poida continuar, retomar ou simultanear a vida laboral ou persoal coa educación. Ademais, préstase especial interese pola atención á diversidade que, ao igual que a igualdade, é un tema delicado ao que non se lle pode deixar nun segundo plano.

Respecto a LOMCE, non podo negar que son bastante crítica con certos aspectos. Nesta Lei non deixa de subliñarse a importancia da diferenciación, xa sexa relacionada directamente co talento ou ben coas aspiracións individuais e a competitividade entre o alumnado. Penso que todos debemos ter ambicións, pero sen chegar ao punto de que todo xire en torno a estas, xa que pode chegar a ser moi perigoso. Penso que esta Lei reflicte unha formación centrada nas capacidades de cada individuo cun obxectivo: conseguir un mellor emprego. O enfoque parece que sempre é a formación para obter un traballo. Por outro lado, nesta Lei non se trata como na LOE o tema da igualdade, algo que resulta estritamente necesario na sociedade actual. O que teñen en común estas dúas Leis, ao meu parecer, son a intención de mellorar a calidade da educación no noso país e igualarnos ao resto de Europa, malia non perseguir este obxectivo do mesmo modo, coinciden tamén na necesidade da autonomía por parte dos centros e os sistemas de avaliación. Ademais, a importancia que a LOMCE outorga ao Plurilingüismo si que resulta esencial na sociedade actual, e é fundamental neste proceso de mellora da calidade a respecto da educación.



En conclusión, a educación debe ser un proceso de formación onde se poida aprender e que nos permita desenvolver destrezas e sabidurías relacionadas coas áreas que sexan do noso interese. Todos/as temos clara a importancia de ter un bo traballo, mais quizá esteamos a perder o valor de formarnos e crecer como persoas. Non só polo crecemento persoal que propicia un bo nivel de formación e cultural, senón pola necesidade da convivencia, saber vivir en sociedade uns con outros de forma pacífica e sempre desde o respeto.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Aprendizaxe Baseada en Proxectos (Inspirado na presentación de Noemí Soto Estévez)

Thanksgiving Day