Tema 1. Situacións e variábeis na situación de ensino das linguas estranxeiras

Bo día a todos/as! Benvidos/as a esta nova  entrada, neste caso, en relación coa materia de Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras. Hoxe realizarei a miña aportación respecto ao traballado na aula co profesor Gonzalo. Nesta parte da materia tratamos diferentes aspectos moi interesantes como, por exemplo, as diferenzas entre os termos lingua habitual, de traballo ou vehicular, mais tamén descubrimos, mediante a realización dalgunha actividade, que temos máis bagaxe sobre linguas do que pensamos.



Na parte máis teórica das sesións estivemos traballando con novos conceptos que me gustaría comentar nesta entrada. Comezarei cos termos lingua inicial, materna, segunda e estranxeira.  A lingua inicial podemos dicir que se adquire como forma de comunicar, non a aprendemos coa intención propia de aprendizaxe, adquírese de maneira inconsciente e antes da etapa escolar. O termo lingua materna é moi confuso xa que semella asociarse en exclusiva coa nai, o que non resulta moi razoable xa que non cumpre principios de equidade. Se falasemos de lingua paterna tampouco o fariamos desde un punto de vista igualitario polo que, considero, deberiamos manter o termo inicial unicamente. A segunda lingua é a que aprendemos tras a lingua inicial, adquirímola como lingua vehicular, de ensino, administrativa. Podemos adquirir varias linguas segundas xa que, malia non ser a lingua nativa, se utiliza no territorio onde vive o/a falante. Por último, referímonos á lingua estranxeira cando non falamos nin da inicial nin dunha segunda, é un idioma alleo ao país do/a falante. Adquirímola de xeito consciente xa que a aprendemos se é a nosa intención.

Por outro lado, existen outros termos sobre os que estivemos a falar e referidos ás linguas. No tocante ao concepto lingua habitual estamos a referirnos á que cada persoa fala con máis frecuencia. Por exemplo, no caso do bilingüismo na Galiza pode que unha persoa teña como habitual o galego ou o castelán, ou mesmo as dúas linguas, en función de cal sexa a que utiliza con frecuencia nos actos de comunicación. No caso da lingua de traballo indica o medio de comunicación que se emprega nunha empresa ou mesmo un estado plurilingüe, é dicir, é unha lingua á que se lle outorga un estatus no funcionamento interno dalgunha compañía ou institución. E despois atopamos o termo vehicular, tamén coñecido como lingua franca. Neste caso, desígnase desta forma unha lingua que serve de medio de comunicación entre falantes con idiomas distintos. Estas linguas son escollidas para algún fin ou actividade concreta coma, por exemplo, o inglés nos encontros de membros da Unión Europea.

Despois de mencionar o que me resultou máis interesante da parte teórica, gustaríame sinalar algunha actividade coa que desenvolvimos as sesións. Unha das primeiras chámase Placemat. Esta tarefa é interesante para pór ideas en común, podemos realizar unha especie de chuvia de ideas coa que intercambiar opinións e mobilizar coñecementos. Cada persoa do grupo debía escribir a resposta sobre o que se cuestionou para logo comentala entre os membros do grupo. Despois, entre toda a clase analizamos distintas preguntas coas que aprendimos datos interesantes como, por exemplo, o número de linguas que se falan no Parlamento Europeo. Outra actividade que me agradou bastante foi a posta en común sobre coñecementos lingüísticos. Cada alumna debía compartir co resto o seu nivel de coñecemento referido a unha lingua ou mesmo dialecto. Resulta moi interesante e alentador comprobar o amplo coñecemento lingüístico que se posúe nun grupo reducido de persoas, máis do que ás veces pensamos! Alén disto, destacar a última actividade que realizamos nesta sesión na que debíamos analizar unha unidade dun libro de texto de inglés ou francés. De novo traballamos por grupos para acabar compartindo todos na aula as distintas partes que formaban a unidade didáctica. En función das preguntas que nos formulou o profesor, tiñamos que examinar os distintos apartados da unidade do libro que escollimos para, posteriormente, compartir coas nosas compañeiras os resultados e criterios. Segundo o que debiamos observar, que tratamento se lle dá ao léxico, gramática... na UD que temos que analizar, cada membro do grupo traballa:
-Fonética e entoación (produción oral). Son as que menos atopamos na unidade. Están relacionados coa práctica de diálogos e entrevistas.
-Recepción (comprensión oral e escrita). Moitos listeningspara comprobar que se realizaron de forma correcta algunhas actividades. Non hai listenings complexos. 
-Léxico. Exercicio de vocabulario que tamén traballan a través de textos (lectura). É unha forma de saber se entenderon o vocabulario, realízase a través do listening. Estos exercicios de revisión están asociados a listening writing.
-Produción (oral e escrita). Prima a parte escrita. Explícase unha parte teórica e proporcionan exercicios para realizar a parte práctica da teoría como, por exemplo, encher ocos ou completar frases coa gramática e vocabulario vistos. Tamén textos propostos a partir dos que teñen que crear outros, e no ámbito oral, preparar unha entrevista relacionada cun texto.



Por último tamén debatimos sobre as diferenzas no proceso de E-A entre Primaria e Secundaria. En xeral, na ensinanza Primaria o método educativo adoita ser máis lúdico e mesmo práctico fronte ao carácter teórico que predomina na Secundaria. Na primaria o método de ensinanza utiliza moito a gamificación, traballan moito o idioma a través de áreas visuais e auditivas. Moi importante a vergoña e o sentido do ridículo que se atopa máis presente entre o alumnado adolescente, polo que a E-A na Educación Secundaria dunha lingua estranxeira vese perjudicada.

Para concluír, na miña opinión estas actividades combinadas coa parte teórica da materia están axudando a que descubramos e aprendamos conceptos cos que ata agora non nos atoparamos, e resultan esenciais para o noso futuro laboral na ensinanza de idiomas. Ás veces, non temos en conta cuestións que nos poden axudar á hora de impartir ou enfocar a forma de desenvoler unha clase. A forma de desenvolver estas sesións, mediante a participación activa do grupo nas distintas tarefas, contribúe a ampliar esta perspectiva da metodoloxía das clases.

Comentarios

  1. Bo día, Gema!
    Parabéns pola túa entrada. Estou de acordo contigo en que, aínda que poidamos coñecer algunhas das actividades e materiais presentados na aula, as propostas da materia invitan a reflexionar sobre a educación no ámbito das linguas estranxeiras e a súa didáctica. Como xa mencionei no meu blog, o exercicio de Placemat e moi positivo para o traballo grupal. Este obriga a que todos/as os/as integrantes dos equipos participen e pensen nunha resposta, mais sen a presión de que esta sexa a contestación definitiva que se lle transmita ao profesorado. A actividade tamén facilita que haxa debate no interior de cada grupo, posto que o alumnado non sabe cales son as respostas dos/as seus/súas compañeiros/as de equipo e, con maior probabilidade, dará a súa opinión sincera sobre o tema, sen ningún tipo de filtro. Promover a participación nas aulas de Educación Secundaria é de gran importancia, xa que, como ti mesma dixeches, os/as estudantes están a pasar por una etapa de baixa autoestima e inseguridade e moitos/as mostran unha reticencia a compartir os seus coñecementos nas clases.
    Outra actividade que me gustaría comentar é o diagrama de Venn. Este diagrama utilízase principalmente nas matemáticas, na teoría de conxuntos. Penso que pode ser interesante o uso destes elementos para mostrar ao alumnado que os esquemas da lóxica matemática son aplicábeis a outras áreas de coñecemento, como son as linguas estranxeiras. Esta é unha boa actividade para relacionar conceptos, encontrar os puntos de converxencia de dous campos e mobilizar os coñecementos previos sobre un tema en concreto. Na miña etapa de instituto, axudoume moito a esquematización no meu proceso de estudo. Moitos destes «trucos» de simplificación ensinoumos o profesorado e realmente poden variar a eficiencia académica dun/dunha alumno/a, xa que este/a ten menos posibilidades de sentirse asfixiado/a coa cantidade de información.
    Un saúdo!

    ResponderEliminar
  2. Ola, Gema!
    Primeiramente, decirte que me gustou moito a túa entrada, sobre todo, pareceume moi interesante a viñeta de Luis Davila que incluíches, coa reflexión humorística sobre a diferente consideración social das linguas na nosa Comunidade. É este un tema que me parece moi interesante debatir, porque non entendo o motivo de que os mesmos proxenitores que se manifestaron enerxicamente en contra das Galescolas, agora proclamen aos sete ventos que queren que sexa un dereito escolarizar aos seus fillos (de 0-3 anos) en centros educativos bilingües, de inglés, claro está. Dende o meu punto de vista, penso que o plurilingüismo nas aulas debe respectar, en primeiro lugar, a variedad lingüística da contorna e do alumnado para coñecelo mellor, pois a realidade dun centro educativo do rural galego, non se poder equiparar coa realidade doutro centro rural en Sabadell (Barcelona), Vegadeo (Asturias) ou Jerez de la Frontera (Cádiz). En segundo lugar, dende unha perspectiva de didáctica integrada das linguas, non vexo o impedimento de traballar coas linguas da contorna (galego, castelán ou a lingua inicial de estudantes de diferente orixe) e incluir unha terceira ou cuarta lingua (inglés, francés, árabe, chinés, etc.) dende idades tempranas, sempre que estas medidas aproveiten os beneficios do plurilingüismo e pluricultiralismo e non perxudiquen a lingua minoritaria, tal como está a acontecer coa lingua galega.
    No que concirne á idade de aprendizaxe de linguas extranxeiras, aquelas que, como ben sinalas, son idiomas alleos ao país dos falantes e se adquiren de xeito consciente, considero que non se debería facer tanto fincapé (e inversión) na súa implantación no currículo do primeiro ciclo de Educación Infantil. Así pois, tal como conclúe Carmen Muñoz Lahoz no estudo comparativo dos resultados obtivos na aprendizaxe de inglés no alumnado dende os 4 anos e dende os 12, o período da adolescencia (entre os 8 e 10 anos) é cando se aprende mellor e máis rápido a LE. Diferentes estudos concordan pois en que a única vantaxe que proporciona comezar tan cedo a aprendizaxe dunha LE é o acento, o que só sería posible se existise un contacto frecuente con nativos, unha práctica non xeneralizada nos centros educativos do Estado español. Por último, en relación ao dito neste parágrafo, gustaríame compartir contigo un par de reflexións que me pareceron moi interesante, feitas por Uri Ruiz (filóloga e doutora en pedagoxía, docente na Universidade do País Vasco UPV-EHU), no artigo "Didáctica de la lengua castellana y la literatura", publicado na revista Graó: “Empezando a los 4 años se aprende mucho si se hace una inmersión total, como lo demuestran los sistemas bilingües, pero se trata de un sistema distinto. Hacerlo desde tan pronto, en pequeñas dosis, supone un costo social y económico enorme, sin un rendimiento claro”. […] “Esto lo deberían saber los responsables educativos. Se repite el mantra de que los padres quieren inglés, pero a los padres hay que educarlos, hacer pedagogía de estos temas y hacerles conscientes de que el inglés temprano funciona como reclamo comercial en beneficio de algunos centros y de ciertos políticos que buscan rentabilidad política”.
    Un saúdo e moi bo día!

    ResponderEliminar
  3. ¡Hola, Gema!

    Me ha gustado mucho tu entrada, especialmente como has ido explicando cada uno de los términos de la realidad lingüística de las personas. Respecto a lo que has dicho sobre el término "lengua materna", considero que no es el más adecuado no solo porque la morfología del término haga referencia solo a la figura de la madre sino porque, dada la fluidez de las migraciones que tienen lugar en la actualidad, muchos niños y niñas adquieren como lengua inicial otra diferente de la de su padre o su madre.

    Por otro lado, he disfrutado leyendo tu entrada sobre las actividades que realizasteis en la segunda sesión relacionadas con el repertorio lingüístico ya que, desafortunadamente, nosotros no tuvimos la oportunidad de verlas con calma en el aula. No obstante, me alegra poder leer sobre ellas en las entradas de los blogs.

    ¡Felicidades por tu entrada! ¡Hasta pronto!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Aprendizaxe Baseada en Proxectos (Inspirado na presentación de Noemí Soto Estévez)

Thanksgiving Day

TEMA 5: Deseño Curricular (Diario)