Suxestopedia (Inspirado na presentación de Eva Parada Antón)


Ola a todos/as de novo! Hoxe dedicarei a miña entrada a un tema que descoñecía por completo, ata que a nosa compañeira Eva o tratou na súa presentación: suxestopedia. O certo é que non escoitara sequera esta palabra e, despois de ver o traballo de Eva, resultoume un método moi interesante.



A suxestopedia é unha ciencia que desenvolve distintas formas de Ensinanza-Aprendizaxe a través da combinación armónica e estructurada do contido lóxico co emocional. A teoría que desenvolve este método afirma que a forma de aprender é moito máis rápida, que estimula a memoria a longo prazo, e que aumenta a creatividade e as ganas de aprender. É un método útil tanto para nenos/as como para adultos/as, e é moi coñecido na ensinanza de idiomas. Baséase na activación de capacidades e habilidades potenciais do cerebro para liberar ás persoas das limitacións que establecen as normas sociais, e que poden condicionar a súa personalidade, conducta e capacidade de aprendizaxe.

Os creadores da suxestopedia foron o doctor Georgi Lozanov, quen confía na capacidade da aprendizaxe ilimitada do ser humano, e Evelina Gateva, quen considera que a música e a arte son parte do proceso de ensinanza. Eles afirmaban que o resultado deste proceso era a memorización a longo prazo, de moito material en pouco tempo, sen aburrise nin cansarse, mediante o fomento da creatividade e a motivación por aprender, o que incide de forma positiva na saúde mental, emocional e física. Cabe destacar tamén a diferenza dos papeis que deben desempeñar o alumnado e o profesorado. A función do/a profesor/a debe ser de líder, debe posuír confianza e autoestima, seguridade,  habilidade para comunicarse e coñecer técnicas psicoterapéuticas. O alumnado debe ser o centro de atención e quen siga as directrices do profesorado.

En Finlandia o modelo educativo está baseado na suxestopedia, non levan os seus deberes para casa xa que todo o traballan en clase, potencian as súas habilidades, dedican moito tempo ás artes, deporte... Para poder levar a cabo un modelo educativo deste estilo, considérase que o profesorado debería ter coñecementos de pedagoxía, ademais de saber como transmitir unha materia, xa que non é suficiente con coñecela. Os elementos chave son: organización da aula, actitude do profesorado, empatía, comodidade do alumnado, mobiliario e decoración, luz e música.

Para terminar, un dos aspectos que máis me chamou a atención foi a necesidade de organizar os estímulos para así poder potenciar a aprendizaxe. Mediante un sistema organizado podemos mellorar a nosa capacidade para aprender, o que me resulta moi interesante xa que penso que, coma noutros casos ou áreas na vida, a orde e os procedementos son moi importantes para facilitar a nosa capacidade de concentración e de aprendizaxe. Alén disto, a importancia que se lle outorga ao alumnado é algo que se debe destacar, poténcianse os recursos mentais e aumenta a capacidade de aprendizaxe e asimilación dunha forma amena e espontánea.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Aprendizaxe Baseada en Proxectos (Inspirado na presentación de Noemí Soto Estévez)

Comentarios noutros blogs

TEMA 1. O ensino de linguas no presente modelo educativo, estatal e autonómico.